O concello reconstruirá o ximnasio do colexio de Barcelos trala aparición de importantes gretas

PONTEVEDRA> Actuación de emerxencia no colexio de Barcelos, en Pontevedra. A aparición de gretas obriga a demoler o ximnasio do centro, segundo explicou hoxe o concelleiro de Educación.  Demetrio Gómez apuntou que dende o concello se sospeita que estas fendas poderían estar provocadas polas obras de construción dun edificio que se están a realizar no solar anexo da rúa Rouco.

Hai mes e medio que o colexio de Barcelos mantén pechado o seu ximnasio. A aparición de gretas coma esta levantou as alarmas entre a comunidade educativa. Agora o concello de Pontevedra conclúe que é  necesario demoler o pavillón.

Dende o concello sospeitan que a orixe destas gretas está relacionada coa construción dun edificio no solar anexo, na rúa do Rouco. Realizáronse traballos de escavación e levantouse un muro de contención. Os técnicos municipais teñen previsto visitar esta obra.

Estes danos non só apareceron no ximnasio. Tamén na entrada do alumnado máis pequeno pola rúa do Rouco, e na sala de profesores. Pero nestes casos acometerase a súa reparación nas vacacións de Nadal.

As obras de demolición e reconstrución do ximnasio comezarán de xeito inmediato e serán aboadas polo concello, propietario do inmoble que acolle o colexio de Barcelos. Gómez insistiu en que a seguridade do alumnado e o profesorado está garantida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí