A Xunta reunirase este xoves cos comités de ENCE ‘sen alternativas’ para a fábrica

PONTEVEDRA> Xa hai data para a reunión entre os traballadores de ENCE e a Xunta de Galicia. Este xoves o Conselleiro de Industria recibirá os representantes dos comités de empresa da factoría. Iso si, sen alternativas sobre a mesa para garantir a continuidade dos postos de traballo. Esta mañá o vicepresidente insistiu en que a única localización posible para a pasteira é Lourizán, e volveu reclamar a Goberno Central e concello de Pontevedra solucións.

Conselleiro de Industria e traballadores de ENCE reuniranse este xoves para avaliar a situación na que está a pasteira. Pero, polo que hoxe adiantou o vicepresidente da Xunta, non parece que deste encontro vaia saír unha solución para garantir a viabilidade da factoría.

Alfonso Rueda insistiu que a localización actual era a única que permitiría consolidar o crecemento de ENCE. Tamén volveu sinalar a Goberno Central e concello de Pontevedra como os responsables desta situación e, polo tanto, os encargados de achegar solucións.

Sobre a reunión da mesa de diálogo co Ministerio para a Transición Ecolóxica fixada para o vindeiro día 10, Rueda asegurou que aínda non chegou á Xunta unha convocatoria oficial. O goberno autonómico asistirá, agardando que o resto de administracións movan ficha.

Pendentes aínda da presentación dos recursos ante o Tribunal Supremo contra a decisión da Audiencia Nacional de anular a prórroga que mantería a ENCE en Lourizán ata o 2073, Rueda lamentou que o Estado e o concello de Pontevedra conseguiran evitar a continuidade de ENCE na ría.