Portas decretará un día de loito e mudará as contas municipais de Abanca polo peche da sucursal

PORTAS> O concello de Portas aproba por unanimidade o rexeitamento ao peche da oficina de Abanca da súa vila. Nun pleno extraordinario, os partidos acordaron tomar medidas para loitar contra o peche da sucursal. Entre elas, o cambio de entidade bancaria das contas municipais ou decretar un día de loito o día 22 de setembro.

O concello de portas celebrou esta mañá un pleno extraordinario para rexeitar o peche da sucursal bancaria de Abanca na vila. No punto principal da reunión, acordáronse as medidas a tomar para loitar contra o peche. Sen Abanca o concello queda sen oficina bancaria.

O punto aprobado inclúe numerosas medidas a tomar: Como esixir a Abanca, a Xunta e ao Goberno que busquen unha solución para os veciños, pedir as administracións que tomen medidas para evitar que se siga maltratando o rural.

Os veciños de Portas veranse obrigados agora a desprazarse a outros concellos sen dispoñer de transporte público, deixando abandonadas ás persoas que non teñan vehículo. Por este motivo o concello declarará día de loito cando se peche a sucursal e mudará de entidade bancaria as contas municipais.

A proposta contou co apoio de todos os grupos da oposición. Dende o BNG sinalan que respaldarán ao concello pero reclaman medidas máis importantes.

Tralo pleno, os representantes tamén acordaron comezar coas mobilizacións. Esta semana porán 3 pancartas polo concello e a partir da vindeira semana comezarán as manifestacións.