LOITA consegue o compromiso da área sanitaria de revisar os protocolos de atención a menores e embarazadas

PONTEVEDRA> A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés revisará os protocolos de atención aos menores de idade. Cando menos, ese é o compromiso que o xerente José Flores trasladou ás representantes da plataforma LOITA. Nun encontro de case dúas horas as voceiras do colectivo trasladaron as súas reclamacións aos resposables da área. Demandan que se cumpran os dereitos dos menores e das mulleres embarazadas.

A plataforma LOITA gañou onte unha pequena batalla. As súas representantes foron recibidas pola xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Un gran paso para un colectivo que loita polos dereitos sanitarios dos menores e das mulleres embarazadas.

Tamara Campos foi a impulsora e quen deu forma a este movemento. Recoñece que na reunión se viviron momentos de tensión pero que tamén foi posible o diálogo. Despois de case dúas horas de encontro marcharon co compromiso verbal de que se revisarán os protocolos.

Agora a xerencia reunirase cos diferentes servizos implicados na atención sanitaria dos menores e das mulleres embarazadas. Dende LOITA insisten en que as súas reclamacións non son doutro planeta: só piden un trato humano.

En tan só 15 días de existencia, xa son máis de 700 as persoas que apoian as reclamacións de LOITA. Un crecemento exponencial que dende o colectivo interpretan como unha proba da existencia dun problema real na atención sanitaria.

Dende a xerencia da área sanitaria explican que analizarán as demandas expostas pola plataforma, e comprométense a potenciar a humanización na atención aos menores e no momento do parto.

Dende o colectivo darán un tempo prudencial para que se produzan avances pero tamén avisan: se non hai cambios reais, volverán loitar para que se respecten os seus dereitos.