O Partido Socialista de Ribeira votará a favor dos orzamentos municipais

RIBEIRA> Esta mesma mañá os socialistas daban a coñecer a súa decisión no transcurso dunha rolda de prensa ofrecida no Concello. O próximo luns está previsto a oficialización do acordo co grupo de goberno.

Varias semanas despois do inicio das negociacións entre o grupo de goberno, o PP, e o Partido Socialista, xa hai acordo. Estes últimos votarán a favor do documento orzamentario, o que permitirá poder aprobar os presupostos para este ano 2021, ó que lle restan apenas catro meses para o seu remate.

Dende as filas socialistas sinalaron que non é o presuposto que eles desexarían, pero é o mellor que se pode dar a estas alturas do ano, e así non ter que traballar coas contas prorrogadas outro ano máis.

O vindeiro luns está previsto a oficialización deste acordo que permitirá sacar adiante un orzamento que ascende a uns 36 millóns de euros, dos cales ó redor de quince dedicaranse a investimentos. Precisamente os compromisos están enfocados ó apartado dos investimentos, principalmente aqueles que teñen un carácter máis social.

Ademais no protocolo do acordo incluíronse tamén diversas actuacións que os socialistas, algunha delas, xa tiñan no seu programa de goberno como é o caso do Museo do Mar, a Fundación Manuel Ayaso, a nova biblioteca, o Centro de Deportes Náuticos ou o traslado do GAEM, sen esquecer tampouco a execución do novo polígono industrial, entre outras.

O Partido Socialista foi o único grupo da oposición que recolleu o testemuño ofrecido polo grupo de goberno. As previsións do executivo pasan por poder levalo a pleno para a súa aprobación o vindeiro 17 deste mesmo mes de setembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí