Ferida de gravidade unha muller en Vilagarcía ao incendiarse a súa vivenda

VILAGARCIA> Ferida de gravidade unha muller en Vilagarcía ao incendiarse a súa vivenda. Foron os veciños os que deron a voz de alarma ao escoitar á muller pedir auxilio. A policía local rescatouna da vivenda e os servizos de emerxencia reanimárona antes de ser trasladada ao hospital do Salnés.

Vilagarcía rexistrou esta pasada noite un novo incendio que volveu poñer en alerta aos servizos de emerxencia e a veciñanza da lomba. Precisamente, foron os propios veciños os que, ao redor das 3 e 10 da madrugada, alertaban ao servicios de emerxencia de que nunha vivenda da rúa Agustín Romero unha veciña pedía auxilio.

Os equipos de emerxencias reanimaron á muller que posteriormente foi trasladada en estado grave ao hospital do Salnés. As causas do incendio descoñécense, aínda que os equipos de emerxencias atoparon varios focos no interior da vivenda. A policía xudicial investiga o suceso.

Foron os axentes da policía local os que sacaron á muller do edificio, atopárona tirada nas escaleiras diante da súa porta. O incendio só afectou á súa vivenda.

Aínda así tomáronse medidas para evitar riscos entre o resto dos veciños.

A muller ten 58 anos e se atopa no hospital cun prognóstico reservado. Pero a súa salvación foi posible grazas ao traballo dos efectivos da policía local e de protección civil de Vilagarcía, da policía nacional, o consorcio provincial de extinción de incendios de Pontevedra e o 061.