Sanxenxo celebrará o europeo de vela na clase 6 metros con embaracións con cen anos de antigüidade

SANXENXO> Sanxenxo acollerá a vindeira semana o campionato europeo de vela da clase 6 metros. Do 13 ao 18 de setembro un total de 31 barcos disputaranse este título. Na categoría de barcos antigos competirán embarcacións con cen anos de antigüidade.

O concello de Sanxenxo será o epicentro de Europa no deporte da vela coa celebración do campionato europeo. A vila acollerá un torneo no que competirá unha das clases máis tradicionais deste deporte como é a seis metros. Un total de 31 barcos competirán por este título dividíndose en dúas categorías.

Dende a organización confían en que gozarán dunha gran competición debido ás posibilidades que ofrece Sanxenxo e o Real Club Náutico.

Dende o propio concello destacan a importancia dos deportes náuticos para continuar fomentando e desestacionalizando o turismo de Sanxenxo.

O campionato traerá a Sanxenxo aos campións de Europa e do mundo das últimas edicións. A organización conta co respaldo da Xunta. Dende a administración o cualifican como un dos eventos principais do Xacobeo xunto coa volta ciclista que xa se disputou a pasada semana.

O campionato de Europa será ademais a ante sala do campionato do mundo que se celebrará tamén na vila no vindeiro ano. Dous campionatos que propiciarán que as embarcacións permanezan en Sanxenxo durante todo o ano, favorecendo máis ingresos para o municipio.