Ribeira berrou unida contra o veto de Bruxelas á pesca de fondo

RIBEIRA> Centos de persoas concentráronse en Ribeira para esixir a retirada do veto europeo á pesca de fondo. O regulamento que onte mesmo entraba en vigor suporá un impacto na economía galega de máis de 800 millóns de euros.

Ribeira foi un clamor contra a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo a máis de 400 metros en 87 zonas do Atlántico Norte. Centos de persoas, chegados de distintos puntos de Galicia, acudiron á convocatoria do Consello Local de Pesca para protestar contra unha medida que consideran arbitraria  e falta de rigor, ó non estar avalada por informes socioeconómicos e técnicos. A unión de toda Galicia en contra do regulamento europeo fíxose evidente coa ampla representación política. Tódolos grupos coinciden na necesidade de solicitar  a suspensión cautelar mentres non se resolva o recurso presentado polo goberno central.

A introdución dunha modificación a última hora, que deixa fóra a 41 zonas, supón unha boa nova pero insuficiente e evidencia a falla de rigor na elaboración do regulamento.

Durante o acto, tomaron a palabra numerosos representantes de entidades pesqueiras. O presidente da Federación Galega de Confrarías fixo un chamamento á unidade para que as demandas da flota galega sexan escoitadas en Bruxelas.

Ademais de numerosos mariñeiros e profesionais que dependen directamente da actividade pesqueira, entre os manifestantes había tamén cidadáns que quixeron sumarse á protesta posto que se trata dun problema de todos.

A concentración concluíu coa lectura dun manifesto a cargo dos representantes da corporación ribeirense sobre as negativas consecuencias desta prohibición que se resumen no lema desta mobilización ‘Sen o Mar Morremos’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí