O PSOE de Rianxo abandona a xunta de goberno local en desacordo coa xestión do executivo

RIANXO> O PSOE de Rianxo dimite da Xunta de Goberno local ante o seu desacordo coa xestión do executivo. Consideran que o goberno de Rianxo en Común non ten en conta á oposición á hora de decidir cuestións importantes para a cidadanía.

O grupo municipal do PSdeG de Rianxo decidiu deixar a xunta de goberno local ó non sentirse representados pola xestión do actual executivo encabezado por Rianxo en Común. Os socialistas amosan o seu rexeitamento a este modo de facer política no que, din, non se ten en conta á oposición.

Ademais de eliminalos dos actos públicos, denuncian que non son convocados ás reunións de temas de importancia para a cidadanía nin tampouco informados dos procedementos que se votarán en pleno, dificultando ademais o acceso a información municipal.

Tamén discrepan no que respecta ás retribucións dos membros do executivo. Trala aprobación da asignación do alcalde, dende o PSOE instan a Rianxo en Común a negociar o resto das dedicacións baseadas nas responsabilidades que asuma cada un dos concelleiros.

Deste xeito, os socialistas, que nun principio estaban abertos á posibilidade de formar un goberno de coalición ou chegar a acordos puntuais, dan un paso atrás desvinculándose da xestión do goberno e descargando calquera responsabilidade en futuras decisións que poidan adoptar.