Pontevedra proxecta rehabilitar o antigo conservatorio para acoller un ‘laboratorio de creatividade’

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra proxecta unha nova vida para o seu antigo conservatorio. A intención do goberno local é converter este edificio da rúa Alfonso XIII nun laboratorio de creatividade, un proxecto pioneiro en Galicia. O investimento previsto é de 1,5 millóns de euros. Unha completa reforma para a que buscarán Fondos Next Generation.

Faise imposible recoñecelo. Pero este é o aspecto que o concello quere dar ao antigo edificio do conservatorio de música de Pontevedra, na rúa Alfonso XIII. Un deseño de vangarda para un proxecto pioneiro: un laboratorio da creatividade.

O edificio ten unha superficie duns 1.500 metros cadrados útiles repartidos nun soto, planta baixa, seis andares e unha baixo cuberta. O investimento calculado é de 1,5 millóns de euros, e a intención do concello é que ata un 60% sexa financiado con fondos europeos. De conseguilos, a obra tería que estar rematada no 2024.

En concreto, o soto acollerá unha sala audiovisual e a sede do Seminario Permanente de Jazz. A planta baixa será un espazo de testeo e as dúas primeiras acollerán unha aceleradora.

Os andares terceiro, cuarto e quinto acollerán obradoiros relacionados coa carpintería, a cerámica, o deseño industrial ou os materiais téxtis, entre outros. O sexto, pola súa banda, converterase nunha residencia para creadores e o baixo cuberta será unha gran terraza.

A intención do concello é desenvolver este proxecto en estreita colaboración coa Universidade de Vigo e o seu Campus Crea, ademais de escoitar a outros actores do sector cultural e creativo.