PONTEVEDRA> ‘Un verán redondo’ é o lema do concello de Pontevedra para o programa de actividades previstas para o período estival. Hoxe presentouse un programa de máis de 300 actividades coa eclipse como un dos elementos centrais. Fenómeno astronómico que ademais coincide coas Festas da Peregrina. Estas Festas de Verán prolongaranse ata finais de setembro, cando se celebre a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon.
Máis de 300 actividades dan forma este 2026 ás festas de xullo, agosto e setembro en Pontevedra. O concello promete ‘Un verán redondo’.
Dende o goberno local sinalan que moitas das propostas están deseñadas especialmente para a cidade. é o caso do certame de maxia Pontemaxia ou a colaboración da Banda de Música de Salcedo coa compañía de circo Pistacatro. Non faltarán citas tradicionais, como a Batalla das Flores ou o festival de monicreques Titirivedra.
No apartado musical, sabemos que nas Festas da Peregrina actuarán La Casa Azul, Sidercars, Miguel Ríos e Pastora Soler. Pero a programación tamén garda sorpresas, como o concerto que se celebrará na Praza de España o 7 de agosto. A identidade do artista, polo de momento, é secreta.
Este ano a eclipse prevista para o 12 de agosto integrarase tamén no programa festeiro da cidade. Coincide en plenas Festas da Peregrina e poderá verse ao 95%. Xunto ao programa de festas entregaranse gafas homologadas para poder observalo con seguridade.
Neste 2026 a Feira Franca estará dedicada ás tabernas e celebrarase os días 4 e 5 de setembro. A cita non suporá a fin das festas de verán en Pontevedra. Este ano prolónganse ata finais de mes, coa Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon e as súas actividades musicais paralelas, que se celebrarán do 23 ao 27 de setembro.










