PORTAS> A Cruz Vermella e o Banco de Alimentos van repartir na provincia de Pontevedra 775 tonedas de alimentos entre as persoas que máis o precisan. O material provén da segundar remesa deste ano dun programa impulsado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Calcúlase que con todos estes alimentos poderase dar resposta a necesidades básicas de 25.000 persoas en toda a provincia.
Neste centro loxístico situado na parroquia de Romai, en Portas, almacénanse os alimentos que van recibir a Cruz Vermella e o Banco de Alimentos. Proceden da segunda remesa do Programa de Axuda Alimentaria 2021 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Esta mañá visitou as instalacións a subdelegada do Goberno en Pontevedra. Maica Larriba aproveitou para poñer en valor o traballo que veñen desenvolvendo tanto o Banco de Alimentos como a Cruz Vermella.
Na provincia de Pontevedra a Cruz Vermella e o Banco de alimentos van xestionar 775.000 quilos de produtos de primeira necesidade. A Cruz Vermella encárgase de xestiona-la metade, repartíndoos entre 60 entidades.
Entre as dúas entidades poderanse beneficiar un total de 25.000 persoas en todo o territorio de Pontevedra. A responsable da Cruz Vermella na provincia non agocha a súa satisfacción. Indica que é moi necesario xestionar todos estes recursos dun xeito áxil.
Esta segunda remesa de alimentos representa o 60% do total que vai recibi-la provincia de Pontevedra neste ano. Entre os recursos dispoñibles, alimentos infantís, leite ou diversos tipos de alimentos en conserva.