Boiro convoca axudas para os alumnos que realizan estudos postobrigatorios

BOIRO> O concello de Boiro volve convocar as axudas para o transporte daqueles alumnos que realicen estudos postobrigatorios tanto dentro como fóra do municipio. A partida orzamentaria ascende a oito mil euros.

Unha vez publicadas as bases, os estudantes dispoñen de 15 días hábiles para presentar as solicitudes a esta liña de acudas que busca contribuír cos gastos de transporte derivados da realización de estudos postobrigatorios. Este ano poderán concorrer tamén os alumnos que realicen estudos dentro do propio municipio, para os que se reserva un 20 por cento do total do crédito que ascende a oito mil euros.

O baremo para a concesión das axudas realizarase por un sistema de puntos nos que ademais da situación socioeconómica da familia terase en conta o expediente académico para premiar así o esforzo dos estudantes.

Xunto con estas axudas, o concello de Boiro segue a apostar por favorecer o acceso ó sistema educativo con programas innovadores e inclusivos como o proxecto EnClave no que participan tódolos centros do municipio.