Este venres arrancan as XXIII Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán

POBRA> O concello da Pobra e o museo Valle-Inclán, en colaboración con diversas entidades, entre elas a consellería de Cultura ou a Deputación da Coruña, volverán a homenaxear, ó longo deste mes de outubro, a Ramón María del Valle-Inclán.

As xornadas, que este ano chegan á súa vixésimo terceira edición, presentan un amplo e variado programa de actividades nos máis variados eidos culturais no que se inclúen teatro, exposicións, conferencias ou actuacións musicais.

Aínda así unha das novidades do programa desta edición será o emprego de espazos exteriores moi vinculados á figura do autor das ‘Sonatas’.

Na presentación das actividades participou tamén o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou a diversidade das propostas.

As actividades arrancarán xa este venres coa apertura da exposición de pintura Valle-Inclán ilustrado, de Pedro Castro Couto. Coincidirá ese día tamén coa estrea do romance de cego Don Pedro Bolaño, baseado nun texto do propio Valle-Inclán e adaptado por Pedro Castro, con música e interpretación da man de Eloy Vázquez. Será ás oito, na casa da cultura Raquel Fernández Soler.