O comercio da alimentación de Pontevedra volverá á folga os días 12 e 13 de xullo

PONTEVEDRA> O sector da alimentación de Pontevedra volverá á folga. Será os días 12 e 13 de xullo. Un paro convocado pola CIG ao non chegar a un acordo coa patronal para actualizar o convenio laboral. Os salarios e a xornada de traballo son as principais discrepancias de ambas partes.

Os traballadores do sector da alimentación da provincia de Pontevedra volven estar chamados á folga. A CIG convoca novos paros para os días 12 e 13 de xullo.

En materia salarial, o sindicato considera que o incremento dun 10% proposto pola patronal para os vindeiros 4 anos é insuficiente.

Tamén é punto de desencontro a petición dos traballadores de reducir a xornada laboral. Actualmente está en 1.826 horas ao ano de luns a sábado, fronte ás 1.770 que están implantadas noutras empresas do sector.

Ante estes desencontros coa patronal, a CIG solicitou xa o peche do expediente de mediación que estaba aberto. Están dispostos a negociar pero apostan por facer forza coa folga.

A convocatoria afecta a uns 10.000 traballadores de Pontevedra, principalmente dos supermercados Gadis e Froiz. Dende a CIG aseguran que moitos empregados están xa a recibir presións para que non secunden o paro. O obxectivo do sindicato é pechar todos os supermercados destas firmas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí