O Luís Seoane conciencia sobre o consumo responsable e o cambio climático na súa Feira da Sustentabilidade

PONTEVEDRA> O instituto Luís Seoane de Pontevedra despediu hoxe a súa primeira Feira da Sustentabilidade. Durante tres xornadas, o vestíbulo do centro buliu de actividade, acollendo obradoiros, charlas e diferentes stands dende os que propio alumnado e diferentes convidados concienciaron á comunidade educativa sobre a necesidade de ter un consumo sustentable para loitar contra o cambio climático.

Concienciar á comunidade educativa sobre a necesidade de ter un consumo sustentable para loitar contra o cambio climático. Este podería ser o resumo do compromiso acadado polo Instituto Luis Seoane. Comezou coa creación do proxecto Eco-Étika e estes días consolidouse coa primeira Feira da Sustentabilidade.

Durante tres xornadas, a actividade no vestíbulo do centro foi continua. O propio proxecto Eco-Étika ou o Club de Ciencias do Instituto instalaron stands informativos para achegar as súas mensaxes aos compañeiros: dende a contaminación da industria téxtil ao ciclo da auga pasando, por exemplo, polo impacto da actividade económica no cambio climático.

Tamén contaron con colaboración externa, como da Unesco, das asociacións Boa Vida ou Solidaridad Internacional ou do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.

A feira despediuse hoxe pero deixou moi bo sabor de boca entre a comunidade educativa do centro.

A proposta completouse con charlas e obradoiros que conseguiron a implicación total do alumnado.

E é que toda achega é importante para comezar a mudar a pegada negativa do ser humano no medio ambiente por unha máis comprometida e, sobre todo, sustentable.