VILAGARCÍA> A empresa Caylu faise co terceiro premio Ría de Arousa de ideas empresariais no ámbito marítimo-portuario, impulsados por AJE Pontevedra e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía. A iniciativa gañadora naceu en plena pandemia para achega-la gastronomía aos fogares do Salnés. Na súa oferta, teñen gran peso os produtos do mar.
Caylu foi o proxecto protagonista da terceira edición dos premios Ría de Arousa de ideas empresariais no ámbito marítimo-portuario. AJE Pontevedra e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, organizadores do certame, poñen en valor este proxecto gastronómico, destacando o peso que teñen nel os produtos do mar. A empresa naceu en plena pandemia co obxetivo de achegar a particulares de todo o Salnés a mellor gastronomía sen saír da casa.
Houbo tamén tres accésits. O de innovación foi para Enercraft, empresa dedicada a equipos enerxéticos. O de economía circular recaeu en Hórreo 4.0 por un proxecto de rehablitación de containers para instalacións turísticas. Por último, o accésit de emprego mozo foi para Arual, unha iniciativa de roupa ética. Houbo, ademais, un premio honorífico para Luis García-Reboredo, da histórica consignataria vilagarciá García-Reboredo Hermanos.
Os galardóns, convocados por AJE, teñen como obxectivo fomenta-lo emprendemento e a creación de emprego. A iniciativa conta co apoio da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. O acto pechouno a presidenta de Portos de Galicia. Susana Lenguas defendeu a colaboración entre as institucións públicas e o tecido empresarial privado. Animou tamén ós empresarios a continuar o seu labor con perseveranciana ruta do emprendemento e a innovación.