Patrimonio non autoriza a demolición do edificio de Michelena lindante coas Galerías Oliva

PONTEVEDRA> Patrimonio frea a demolición do edificio número 11 da rúa Michelena de Pontevedra. O informe da Xunta de Galicia non autoriza o derrube do inmoble, afectado polo BIC da igrexa da Peregrina. Explican que no expediente non se inclúe o proxecto dos plans que a promotora ten para o solar que quedaría, algo que podería afectar ao conxunto protexido.

Para o goberno local, o ideal sería que se tivera que manter a fachada actual do edificio. O departamento autonómico sinala tamén que non se aprecian danos estruturais e que se trata dun inmoble da década 1940, un tipo de edificación que noutras cidades galegas xa están catalogados.

No informe remitido ao concello de Pontevedra, Patrimonio piden que se entregue o proxecto do que se pretende facer no solar para poder pronunciarse sobre o conxunto. Agora o goberno local remitirá a decisión da Xunta á promotora, que deberá decidir que pasos dar.

Recordemos que na actualidade si que teñen luz verde para a demolición do edificio número 3 da rúa Gutiérrez Mellado, que afectaría ás Galerías Oliva. Neste caso, o inmoble non goza de ningún tipo de protección patrimonial, polo que o concello tivo que autorizar a actuación. Tampouco se coñece que plans ten a promotora para este espazo. Segundo a normativa, unha vez concedida a licenza de derrube a empresa conta cun máximo de 12 meses para executala. Polo de momento se descoñece que farán con estes traballos trala decisión de Patrimonio de non dar luz verde á actuación sobre o edificio de Michelena.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí