Pontevedra proba o seu ‘coche de punto’ cos veciños das parroquias

PONTEVEDRA> Pontevedra pon a proba o seu ‘coche de punto’. O sistema funciona dende principios de febreiro, e ten como obxectivo conectar as parroquias pontevedresas con varios puntos clave da cidade. Trátase dunha opción de transporte baixo demanda que este mes está en fase de probas. Hoxe comprobamos o seu funcionamento con tres viaxeiros.

Santi Villaverde saíu da súa casa en Pintos, na parroquia de Marcón, ás 10 da mañá. Na porta mesma recolleuno o ‘coche de punto’ que solicitara o día anterior para ir facer varias xestións ao centro de Pontevedra.

El é un dos veciños que está a probar este servizo de transporte a demanda do concello de Pontevedra. Tamén Xosé Miguel Mariño e Rosa Fernández, que hoxe compartiron coche con Santi.

Dende as súas casas en Marcón… á praza de Galicia, en pleno centro de Pontevedra. O ‘coche de punto’ ofrece alternativa aos veciños das parroquias do rural nas que o transporte público é deficiente.

A proba piloto deste transporte a demanda comezou co mes de febreiro. Vantaxes ten moitas, pero os usuarios escollidos son os encargados tamén de sinalar os problemas que atopan.

Unha das incógnitas é o prezo do servizo. Tanto Santi como Miguel e Rosa estarían dispostos a pagar entre 4 e 5 euros. Dende o concello explican que é unha cuestión que aínda non trataron. En canto ao balance dos primeiros días do ‘coche de punto’, está a ser moi positivo.

Dez taxistas están a participar nesta proba piloto, que pronto ampliará o servizo ás quince parroquias pontevedresas. A intención do concello é que o ‘coche de punto’ estea plenamente operativo a finais deste ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí