O Mundial Multisport de Tríatlon será sostible ambiental, económica e socialmente

PONTEVEDRA> Os criterios ambientais, económicos e sociais están a marcar a organización do Mundial Multisport de tríatlon que Pontevedra acollerá no mes de xuño. Dende o concello fan fincapé na aposta pola sostenibilidade, con iniciativas como a instalación de fontes ou a redución dos plásticos. Os organizadores comprométense tamén coa saúde. Así, da man da Asociación Española contra o Cancro repartirase información sobre o coidado da pel e contra o tabaquismo.

A sustentabilidade está a ser un dos piares na organización do Multisport 2025 de Pontevedra. A cita desenvolverase na cidade do 20 ao 29 de xuño, apostando por tres liñas de actuación: ambiental, social e económica.

A nivel ambiental, o concello incluirá na web do tríatlon toda a información sobre as conexións co Pontillón do Castro evitando o uso do vehículo privado. Tamén se reutilizarán en futuras competicións máis de 25.000 vasos de auga, instalaranse fontes en diferentes puntos do evento para acceder á auga da billa e empregarase cinta de balizado con 95% de plástico reciclado. Ademais, porase en marcha iniciativa ‘Un vaso por un billete’.

Do lado do social, habilitaranse puntos de recollida de roupa e calzado para doar, repartiranse os excedentes alimentarios entre entidades como o Comedor de San Francisco e instalaranse salas de lactación e puntos de acceso a produtos de hixiene feminina. Tamén se realizarán colaboracións co Xoán XXIII e coa Asociación Española contra o Cancro, para informar sobre o coidado da pel e a loita contra o tabaquismo.

Ademais, o concello traballará na instalación de sinais con pictogramas e realizará unha plantación de especies autóctonas para compensar a pegada de carbono do Multisport.

En canto á liña da sustentabilidade económica, o goberno local fomentará o consumo en establecementos pontevedreses a través da súa promoción.