CAMBADOS> A reforma da lonxa de Cambados custará máis do inicialmente previsto. Portos de Galicia aceptou a proposta da confraría de incluír nesa reforma o cambio da cuberta. Deste xeito, o proxecto ascenderá a 1,3 millóns de euros. A previsión é que eses traballos poidan comezar en abril. Sobre el falaron esta mañá no pósito cambadés nun encontro entre o patrón maior e o delegado da Xunta en Pontevedra, que visitou estas instalacións para coñece-los investimentos feitos en nova maquinaria grazas a unha subvención do goberno galego.
Os traballos para a reforma da lonxa de Cambados comezarán no mes de abril. O proxecto, cifrado nun millón de euros, verá incrementado ese orzamento, logo de que Portos de Galicia aceptase incluír nesa reforma o cambio das cubertas, tal como propuxo a confraría, o que se traducirá nun investimento adicional de 300.000 euros.
Sobre os detalles dese proxecto falaron esta mañá o patrón maior cambadés e o delegado da Xunta en Pontevedra, nun encontro ao que tamén asistiu -entre outros- o alcalde da vila. No encontro, o pósito repasou as novas adquisións feitas grazas a unha subvención da Consellería do Mar.
En concreto, a través desta liña de axudas, renováronse as máquinas clasificadoras de amexa fina e tamén se comprou un rotor para os elevadores. Ferramentas especialmente útiles, explica o patrón maior, para o sector marisqueiro.











