PONTEVEDRA> Confirmado. Pontevedra será a sede da Placemaking Week Europe 2022. Máis de 400 expertos en urbanismo sostible de todo o mundo daranse cita na cidade en setembro do vindeiro ano. Dende o concello explican que se trata dun dos eventos máis importantes para a vila nos últimos anos.
Pontevedra será finalmente a sede da Placemaking Week Europe 2022. A cidade do Lérez collerá o relevo doutras cidades anfitrioas como foron antes Ámsterdam, Estocolmo ou Valencia.
Máis de 400 expertos en urbanismo sostible de toda Europa, pero tamén de Estados Unidos e Asia, daranse cita en Pontevedra en setembro do vindeiro ano.
Durante unha semana intercambiarán puntos de vista sobre cuestións como o deseño urbano, a mobilidade, a educación ou a saúde pública, cunha ollada interdisciplinar. Outro dos obxectivos da Placemaking Week Europe é buscar respostas a algúns dos desafíos das cidades que os acollen.
Dende o concello explican que na organización deste evento empregarase gran parte do orzamento da concellería de Promoción da Cidade.
O goberno local comeza a traballar dende xa na súa organización, contactando ademais con diferentes actores do municipio para que participen de xeito dinámico.