Veciños de Monte Porreiro, funcionariado e bombeiros reclaman ao concello ‘máis negociación’

PONTEVEDRA> Hoxe foi día de pleno en Pontevedra pero a sesión transcorreu marcada polas protestas. Xa ás 10 e media da mañá ás portas do Teatro Principal concentrábanse veciños de Monte Porreiro, funcionarios do propio concello e bombeiros. Todos denunciaron a falta de diálogo co goberno local. A xornada transcorreu sen incidentes tanto fóra como despois dentro do teatro.

Media hora antes de que comezara o pleno en Pontevedra, os manifestantes xa berraban as súas denuncias ás portas do Teatro Principal.

Os máis madrugadores ao despregar a pancarta, os funcionarios do concello. Reclaman máis negociación e menos imposición do goberno local. Tamén piden unha reunión co alcalde de Pontevedra, xa que dan por rotas as negociacións coa concelleira de persoal, Carmen Fouces.

Xunto aos representantes do funcionariado municipal manifestáronse esta mañá os bombeiros. Aseguran que os 38 efectivos que na actualidade ten o servizo son insuficientes. Reclaman máis persoal e protestan polo aumento de horas que quere implantar o goberno local.

O terceiro grupo nesta protesta foi o dos veciños de Monteporreiro. Seguen a reclamar un millón de euros de investimento para o barrio. Tamén reclaman unha reunión con Miguel Anxo Fernández Lores, xa que consideran que o concelleiro de obras, Demetrio Gómez, non é un interlocutor válido.

Para os veciños de Monte Porreiro esta é a primeira dunha serie de mobilizacións que culminarán o vindeiro sábado. Para esa xornada teñen convocada unha manfiestación a pé dende o barrio ata o concello de Pontevedra, en Michelena 30.