O hidromel, a bebida alcólica ‘máis antiga do mundo’ e que se fabrica en Barro

BARRO> Disque é a primeira bebida alcólica da historia, pero a pesar da súa lonxevidade está máis de moda que nunca. Falamos do hidromel, unha bebida fermentada do mesmo xeito que o viño ou a cervexa, pero a base de mel. En Barro atopamos unha moza emprendedora que acaba de lanzarse á aventura, impulsando a súa propia marca de hidromel. Chámase Fenrir e está elaborado en exclusiva a base de mel de proximidade.

Irene traballa estes días no reparto do último lote que acaba de producir. Ela é a responsable de Fenrir, unha aventura empresarial que xira entorno ao hidromel.

Explícanos que é unha bebida universal da que hai constancia incluso 8.000 anos antes de Cristo na China. Na antiga Grecia bebíana os filósofos porque, seica, outorgaba o don da palabra. Irene deu con esta bebida hai xa anos, pola súa afección á mitoloxía dende ben cativa. Comezou a facelo, de xeito caseiro, ata que tomou a decisión de ir máis alá.

E fíxoo asentando o seu negocio no polígono de Barro. Os comezos non foron doados, pola falta de lexislación sobre esta bebida. A pandemia pillounos aínda co estudo de mercado, botando contas da viabilidade do negocio. Con todo listo, chegou un punto no que decidiu arriscar.

Ese camiño comezou o pasado verán, coa saída ao mercado dun produto que aposta polo natural e que se elabora sen químicos. A demanda vai e, polo tanto, a produción vai en aumento.

O mel co que traballa Irene provén de varias colmeas de proximidade. O seu reto é crear unha rede de pequenos apicultores para, explica, contribuír a revitalizar un sector en perigo pero con moito potencial en Galicia.