BARRO> Máis de 130 paneis solares formarán parte da instalación fotovoltaica que o Concello de Barro ten previsto instalar na renovada cuberta do pavillón municipal. Unha vez completada a reforma do tellado, nos vindeiros días comezarán a instalarse eses paneis. Ademais de abastecer o propio pavillón, a instalación fotovoltaica tamén abastecerá outros edificios públicos do núcleo de San Antoniño. E cando haxa excedente, verterase á rede eléctrica que lle permitirá ao concello seguir reducindo a súa factura.
Dende hai tempo o concello de Barro tiña o foco posto no seu pavillón municipal. Primeiro foi a renovación da súa cuberta. Un proxecto que contou cun orzamento duns 150.000 euros, dos que 38.000 foron unha achega da Deputación e 60.000 do Fondo de Cooperación Local.
Porque a renovación da cuberta foi só o primeiro paso do conxunto de melloras previstas para estas instalacións. Nos vindeiros días vanse instalar nesta cuberta 135 paneis solares. Un sistema fotovoltaico que suporá un importante aforro enerxético para as arcas municipais.
O alcalde salienta que ademais do propio pavillón, grazas a esta instalación fotovoltaica se poderán abastecer de enerxía edificios públicos como o concello ou a piscina. Para facrenos unha idea, só entre o campo de futbol e a piscina, Barro paga 30.000 euros ao ano de luz.
Este proxecto conta cun orzamento de 73.000 euros, financiado nun 80% con fondos europeos. Nesta liña, o alcalde avanza que tamén se vai substituir a actual caldeira de gasóleo por unha instalación de aerotermia. Nesta caso, cun custo de 24.000 euros, tamén financiado nun 80% con fondos europeos.
Ademais, proximamente tamén se vai renovar a pintura exterior do pavillón.











