PONTEVEDRA> A Xunta terá que restaurar e mante-lo Pazo da Lourizán, en Pontevedra. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de declarar firme a sentenza que condena ao goberno galego a cumprir co convenio asinado coa Deputación hai máis de 30 anos. A presidenta do organismo provincial celebra a sentenza e tende a man a prol da restauración deste inmoble, declarado Ben de Interese Cultural, que leva anos esmorecendo.
A sentenza que condena á Xunta a realizar as obras de rehabilitación e mantemento do Pazo de Lourizán xa é firme. Así vén de decretalo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda non presentase recurso contra a sentenza emitida o pasado mes de febreiro. Esta mañá, a presidenta provincial celebraba a sentenza.
Ademais, o alto tribunal galego dá un prazo de dez días á Xunta para que cumpra cos contidos da sentenza, que a obriga ao cumprimento do convenio asinado coa Deputación no ano 91 sobre a restauración e mantemento do inmoble.
Así as cousas, a Xunta acometeu no pasado mes de febreiro unha serie de obras valoradas en pouco máis de 200.000 euros. Unha cantidade insufiente, entende Silva, para devolve-lo esplendor a un inmoble que leva anos esmorecendo. A presidenta provincial calcula que poderían facer falta preto de 20 millóns para a súa rehabilitación integral, cantidade –di- que a Xunta pode asumir.
E insta ao próximo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que como pontevedrés non se esqueza da súa obriga de rehabilita-lo pazo.