PONTEVEDRA> Pontevedra recibirá fondos europeos para levar adiante un plan de dinamización turística. A proposta do concello xa ten o visto bo do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia. Só queda concretar que cantidade recibirá, aínda que a proposta inicial do executivo autonómico é de 2 millóns de euros. A capital pontevedresa é a única cidade galega que recibirá fondos desta convocatoria.
Pontevedra recibirá fondos europeos para potenciar destinos turísticos sostibles. A capital é a única das grandes cidades galegas incluída nesta convocatoria, na que ademais conseguiu unha das puntuacións máis altas co seu proxecto.
No seu plan, o concello propón varias medidas, como a apertura do río Gafos, a creación de sendas peonís ata os parques forestais ou recuperar os xardíns de Santa Clara. Pero, segundo Puentes, a actuación prioritaria será a construción dunha Vía Verde entre a estación de Pontevedra e Barro.
Outro eixo do plan é o fomento do turismo e o apoio á hostalería. Aquí apostan por instalar toldos que absorban o dióxido de carbono das calefaccións das terrazas ou a creación dun observatorio turístico. Tamén dar un impulso ao proxecto Pontevedra Capital Gastro.
Queda por saber cantos cartos recibirá exactamente o proxecto, algo que decidirán o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. O goberno autonómico propón unha achega de 2 millóns de euros dos cinco que solicitaba o concello.
Galicia recibirá un total de 14,6 millóns de euros.