Augas de Galicia pon a proba a primeira fase das obras da nova EDAR de Rianxo

RIANXO> A Xunta da así un novo chanzo no avance das obras na rede de saneamento neste Concello, que suporán un investimento total duns 14 millóns de euros.

Coa posta en marcha da primeira fase de ampliación da nova EDAR, a consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, dá un novo pulo ás intervencións en execución de cara á mellora do servizo de saneamento e do sistema de depuración en Rianxo.

A posta en funcionamento desta primeira fase da ampliación da depuradora, que se executa en dúas fases para garantir o tratamento das augas residuais do municipio, permitirá comprobar o seu axeitado comportamento de xeito previo á realización da segunda fase das obras, que conlevará tamén a demolición das antigas instalacións, o que suporá un tempo estimado de aproximadamente ano e medio.

Para poder poñer en marcha esta primeira fase da depuradora, foi necesario rematar a execución do tanque de tormentas, desde onde se están a levar as augas residuais á nova estación de tratamento, mentres se continúa coas obras no resto da rede.

Coa posta en marcha desta primeira fase das obras de ampliación da depuradora de Rianxo a Xunta traballa na adecuación da capacidade de tratamento destas instalacións ás necesidades reais, co obxectivo de solucionar a problemática existente ata o de agora, derivada do excesivo volume de augas residuais en rede e da súa carga contaminante.

A actuación forma parte do Plan de Saneamento Local para a Ría de Arousa, un dos primeiros redactados dende a Xunta, que conta con financiaento nun 80% do programa operativo europeo FEDER.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí