PONTEVEDRA> Os traballadores de ENCE retomaron hoxe as mobilizacións. Ao redor de 150 persoas atenderon ao chamado de Comisións Obreiras. Como xa anunciaran o mércores, percorreron as rúas do centro de Pontevedra para protestar, por unha banda, polo procedemento aberto contra un traballador da factoría por golpear o vehículo do alcalde. Pola outra, para reclamar a convocatoria da Mesa de Diálogo para abordar a adscrición dos terreos de ENCE ao Porto de Marín. No percorrido de hoxe fixeron dúas paradas: o concello e a Subdelegación do Goberno.
“Todos somos Ramiro”. Con este lema, os traballadores de ENCE retomaron as mobilizacións convocados polo sindicato Comisións Obreiras. Ao redor de 150 persoas percorreron as rúas do centro de Pontevedra.
O punto de partida foi a praza do Hospital Provincial. Dende alí, a comitiva trasladouse á súa primeira parada: o concello.
Diante da sede de Michelena 30, reclamaron ao alcalde que retire a denuncia contra Ramiro Cerdeira, o traballador para o que a Fiscalía pide un ano de cadea por patear o coche de Miguel Anxo Fernández Lores durante o peche no concello do mes de marzo.
Pola súa banda, dende o goberno local negan que a denuncia contra Cerdeira parta do alcalde ou do concello. Insisten en que o que se remitiu ao xulgado foi o atestado da Policía Local e que a Fiscalía decidiu actuar en base a este documento. Tamén aseguran que Fernández Lores fora declarar no xulgado en calidade de testemuña, non de acusación.
A manifestación remataba a escasos metros, na Subdelegación do Goberno. Alí tiñan prevista a segunda e última parada para reclamar a convocatoria da Mesa de Diálogo. Unha xuntanza que tería un único punto: tramitar a adscrición dos terreos que ocupa ENCE en Lourizán ao Porto de Marín.
A protesta desenvolveuse no marco dun amplo dispositivo policial. De feito, do lado da Subdelegación do Goberno contábanse ata cinco furgóns da Policía Nacional. Así as cousas, a manifestación transcorreu sen incidentes.