A conselleira do Mar participa en Outes na presentación do proxecto SeaLabHaus

OUTES> As instalacións do antigo estaleiro de Ciprián, en Outes, acollían o acto de presentación do Laboratorio Atlántico SeaLabHaus, unha nova plataforma web impulsada dende Galicia que busca funcionar coma un gran espazo dixital de innovación costeira de axuda na planificación territorial do litoral, baseado no turismo e a economía azul, ademais do patrimonio natural e cultural dun mar inclusivo e sostible no territorio.

Na posta de longo do proxecto participou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen destacou a importancia desta nova proposta, incluída no programa europeo Interreg Espazo Atlántico 2021-2027, impulsado pola Universidade da Coruña, e no que ademais de Galicia, participan outras rexións atlánticas como é o caso de Canarias, Irlanda, Francia e Portugal.

Segundo informou a propia titular de Mar agora, as entidades e comunidades mariñeiras que o desexen poden acceder a recursos e modelos adaptables á súa realidade, obter apoio para deseñar proxectos vinculados ó mar e compartir ou visibilizar boas prácticas doutros puntos do arco atlántico.

O proxecto SeaLabHaus foi un dos 27 proxectos aprobados no marco de dito programa, que conta cun orzamento de 3,7 millóns de euros, dos que 2,6 millóns proveñen do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.