O concello de Pontevedra pagará 200.000 euros este ano para manter abertas as piscinas de Rías do Sur

PONTEVEDRA> Acordo entre concello de Pontevedra e Fundación Rías do Sur para garantir o funcionamento das dúas piscinas das instalacións de Pontemuíños. Ambas partes asinaron un convenio polo cal as arcas municipais achegarán 200.000 euros ata o 31 de decembro para cubrir os custos de funcionamento. Hoxe o alcalde e o concelleiro de deportes mantiveron unha reunión cos clubes que empregan o equipamento para adestrar para trasladarlles o acordo.

Os clubes de deportes acuáticos de Pontevedra poderán contar coas piscinas do Complexo Deportivo Fundación Rías do Sur para adestrar. Un acordo entre a Fundación propietaria das instalacións e o concello evitará o seu peche, previsto para mañá 1 de abril.

No marco deste acordo, o concello asumirá o custo do funcionamento das dúas piscinas, a olímpica e a de 25 metros, ata finais deste ano. Fará unha achega de 200.000 euros.

Rías do Sur terá que xustificar os gastos que lle xera o funcionamento das piscinas. Unha vez pechado o acordo, estarán funcionando nun prazo de 15 ou 20 días.

Dende o goberno local apuntan que non foi sinxelo atopar a fórmula para manter as piscinas abertas polo conflito aberto entre a Fundación e Supera despois de que a empresa abandonara as instalacións. Con esta solución a curto prazo, concello e Rías do Sur dánse ata finais de ano para atopar unha solución definitiva.

Hoxe concello e Fundación celebraron a segunda reunión para pechar as negociacións. Segundo o acordado, as arcas municipais achegarán os custos de funcionamento pero serán os clubs usuarios, SAPO, Galaico Sincro, Galaico e Waterpolo, os que teñan poñer os socorristas.