As concesións de ata 75 anos na costa española, baixo a lupa de Europa

PONTEVEDRA> Europa acusa a España de falta de transparencia nas concesións de dominio público marítimo terrestre do seu litoral. A Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra o Estado porque considera que as prórrogas sen xustificación son contrarias as normas da Unión. Dende o concello de Pontevedra interpretan que isto confirma a súa postura respecto de ENCE. Pola contra, a pasteira desbota que este expeidente afecte á súa concesión en Lourizán.

Para a Comisión Europea, o proceso do Goberno español para as prórrogas das concesións en dominio público marítimo terrestre non é transparente. Bruxelas pon o foco ademais nas que se conceden por ata 75 anos sen ningún procedemento de selección. Algo que, asegura, é contraria á normativa europea.

Hoxe o concello de Pontevedra celebraba este pronuciamento que, segundo o alcalde, refrenda a posición que o goberno local mantén sobre ENCE.

Para Fernández Lores, existen moitos argumentos que apoian a súa postura contraria á prórroga concedida a ENCE para manterse en Lourizán. E insistiu en que a sentenza do Tribunal Supremo que a valida é un ataque á Lei de Costas e un fracaso do estado de Dereito.

O alcalde asegurou que estudarán os pasos a dar cando se coñeza o contido da sentenza do Tribunal Supremo. Para o edil pontevedrés César Mosquera o caso aínda ten percorrido.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra considera que este pronunciamento da Comisión Europea refrenda a política provincial de recuperación de espazos.

O Goberno do Estado ten agora un prazo de dous meses para solucionar esta situación. De non tomar medidas que satisfagan a Europa, o executivo comunitario decidirá se leva o caso de oficio ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Dende ENCE, pola súa banda, insisten en que a legalidade da súa prórroga xa foi avalada polo Tribunal Supremo. Polo tanto, apuntan que aínda que como consecuencia deste procedemento España tivera que modificar a Lei de Costas, os cambios non terían efectos retroactivos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí