Os avicultores reparten 2.000 quilos de polo para denunciar os baixos prezos

PONTEVEDRA> Longas colas, incluso de varias horas, víronse esta mañá en pleno centro de Pontevedra. O motivo: o reparto de 2.000 quilos de polo que fixeron os avicultores. Unha protesta organizada polo sindicato Unións Agrarias para chamar a atención polo encarecemento dos custes de produción e o baixo prezo das vendas.

Unións Agrarias revolucionou esta mañá o centro de Pontevedra. O sindicato organizou un reparto reivindicativo para poñer o foco sobre a situación que atravesan os avicultores galegos.

Repartíronse 2.000 quilos de polo, ao redor dun milleiro de unidades. Actualmente, os avicultores cobran 0,18 euros o quilo. Unha contía coa que non cobren gastos: para facelo, deberían acadar os 0,23 euros.

A situación empeorou durante a pandemia. A baixada do consumo levou a que houbera menos animais nas granxas e os polos pasaron a estar máis tempo nelas. Calculan que cada explotación viu baixar os seus ingresos en 18.500 euros anuais, 11 millóns para o sector. Agora están a ser golpeados polo aumento dos costes de produción: ata un 10,5% máis por quilo.

Co reparto de hoxe, conseguiron chamar a atención dos veciños de Pontevedra. Moitos fixeron colas de ata dúas horas para recoller algún dos polos repartidos pero conscientes da problemática do sector.

A de hoxe foi a primeira mobilización, aínda que non descartan organizar novas protestas.

Segundo os cálculos de Unións Agrarias, cada cidadán español consume uns 14 quilos de polo ao ano. Para cubrir os custes de produción sería suficiente unha suba do prezo de 2,40 euros anuais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí