A AECC celebra en Pontevedra o Día Mundial da Investigación en Cancro co foco na perspectiva dos pacientes

PONTEVEDRA> Hoxe celébrase o Día Mundial da Investigación en Cancro. E para conmemorar esta efeméride a Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra organizou o encontro ‘Diálogos sobre Ciencia e Investigación’. A cita sentou un investigador con dous pacientes que conversaron sobre o escenario actual dando os seus puntos de vista. Un xeito de poñer en valor a investigación en cancro e a importancia de incluír a perspectiva dos doentes oncolóxicos.

Poñer en valor a investigación en cancro e a importancia de incluír nela a perspectiva dos doentes oncolóxicos. É o dobre obxectivo que centrou hoxe a conmemoración do Día Mundial da Investigación en Cancro en Pontevedra.

Marita Valdés é paciente oncolóxica e hoxe participou no encontro ‘Diálogos sobre Ciencia e Investigación’ organizado pola Asociación Española Contra o Cancro. Xunto a ela sentou David Posada, investigador que no 2021 recibiu unha axuda da entidade para a súa investigación.

Posada destacou a complexidade desta enfermidade pero tamén os avances realizados nos últimos anos, camiñando cara unha medicina personalizada que permita achegarse de diferentes maneiras a cada cancro. De aí a importancia de escoitar os doentes.

Na conversa participou tamén Jaime Otero. Como Marita, el tamén é paciente oncolóxico. Tras recoñecer o choque inicial que supuxo o diagnóstico, agora reclama que o cancro non se vexa como unha enfermidade estraña.

Na provincia de Pontevedra en 2024 houbo máis de 6.300 diagnósticos novos de cancro, segundo estimacións do Observatorio contra o Cancro. Actualmente, a asociación destina máis de 500 mil euros a catro proxectos de investigación que se desenvolven en territorio pontevedrés. Forman parte da rede que traballa cun obxectivo: que no 2030 a supervivencia supere o 70%.