O PP de Boiro denuncia a demora e as deficiencias das obras da estrada de Neixón

BOIRO> O PP de Boiro denuncia a demora na execución das obras da estrada de Neixón que foron adxudicadas hai seis anos. Ademais do retraso e o incremento do orzamento, os populares inciden nas deficiencias que presenta o propio proxecto con numerosos prexuízos para os veciños.

No ano 2018 adxudicábase a reforma da estrada de Neixón, en Boiro, financiada pola Deputación da Coruña. A día de hoxe a obra segue sen rematarse e o seu orzamento inicial duplicouse, dende os seiscentos mil euros ata 1’2 millóns, tal e como denuncia o Partido Popular.

Ademais do mal estado en que se atopa a estrada mentres se desenvolven os traballos, os populares denuncian deficiencias na propia execución da obra que afectan a numerosos propietarios que terán que asumir os custos para restaurar as súas fincas ó estado orixinal. Advirten dende o PP tamén os problemas que van ocasionar as augas pluviais, tal e como xa acontecera na estrada de Cabo de Cruz, onde o concello tivo que asumir os custos para a súa canalización.

Por último, demandan a dotación de novos puntos de alumeado que non están incluídos no proxecto.