Esperanza Salnés toca fondo e anuncia o seu peche

    SALNÉS> Esperanza Salnés xa non pode máis. A asociación de axuda a persoas con discapacidade funcional anuncia que bota o peche de xeito definitivo pola súa situación económica. Acaba de solicitar un concurso de acredores para paga-las nóminas que aínda ten pendentes. Ata este momento prestaba servizo a trece nenos.

    A agonía de Esperanza Salnés chegou ó seu fin. A entidade bota o peche por problemas económicos. A asociación, que prestaba axuda a personas con discapacidade funcional, estaba a piques de face-los seus 25 anos de vida. Unha efemérede que non poderán celebrar.

    Nun comunicado, os seus responsables indican que o proxecto está esgotado e que, en consecuencia, chegou ao seu fin. A entidade acaba de solicitar un concurso de acredores para facerlle fronte ás nóminas que aínda ten pendentes de pago. Na rúa van quedar cinco traballadores e trece rapaces quedarán sen os servizos que recibían a través da asociación.

    Nese mesmo escrito, Esperanza Salnés indica que nunha Asemblea Extraordinaria celebrada hai uns días, un avogado constatou a falta de viabilidade económica da asociación. Nesa mesma xuntanza chegouse a un acordo unánime para bota-lo peche e liquida-la entidade.

    No comunicado poñen en valor o traballo feito ata o momento, lamentando que as familias afectadas, probablemente, teñan que recorrer agora a organismos privados para continuar coas terapias, co correspondente incremento económico.

    Conclúen, agradecendo o apoio de todas aquelas persoas, empresas e administracións que colaboraron co proxecto, salientando o papel dos seus patrocinadores principais: o Concello de Cambados, a vicepresidencia da Xunta e a Deputación de Pontevedra. Outra colaboradora habitual era a Mancomunidade do Salnés.

    Esperanza Salnés agradece tamén aos medios de comunicación, por servir durante todos estes anos de altofalante dun proxecto que, tras moito pelexar por non afundir, acabou tocando fondo.