PONTEVEDRA> O Partido Socialista de Pontevedra propón bonificacións no IBI ás vivendas en alugueiro con renda limitada. Algo que debería facerse, cren dende o PSOE, ao tempo que se avanza nos traballos para declarar a cidade como zona tensionada. Iván Puentes calculou que no concello hai agora mesmo ao redor de 6.000 vivendas baleiras. Na moción que levarán ao vindeiro pleno, os socialistas piden tamén bonificacións no IBI de ata o 50% para vivendas con instalacións de aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar.
A situación da vivenda en Pontevedra volverá estar presente no vindeiro pleno municipal. Será da man do Partido Socialista, que levará unha moción para demandar rebaixas fiscais que faciliten o acceso á vivenda.
Dunha banda, os socialistas piden que o goberno local aplique un dos artigos da Lei de Facendas Locais, que permite aos concellos establecer bonificacións de ata o 95% do IBI para vivendas destinadas a alugueiro con renda limitada.
Por outro lado, a moción busca tamén impulsar o uso de enerxías renovables. Por iso propón unha bonificación do 50% tamén no IBI para os inmobles con instalacións de aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar. No caso das vivendas do casco histórico, nas que as obras están limitadas polo Peprica, os socialistas propoñen que se aplique o criterio das ventás velux.
De xeito paralelo a estas propostas, o PSOE reclama ao goberno local que avance nos trámites para que Pontevedra sexa declarada zona de mercado residencial tensionado. Recordou Puentes que o 18 de marzo do 2024 o pleno aprobou unha moción socialista para iniciar estas xestións.











