OUTES> Tras anunciar hai varias semanas que tomaría un período de reflexión, o edil socialista, Tono Caamaño, decidiu abandonar o goberno outense.
A decisión caeu sorpresa no equipo de goberno, que non agardaba a marcha de Caamaño.
Sen querer facer declaracións, polo de agora, diante das cámaras, o socialista remítese ó comunicado de prensa enviado ós medios.
Nel argumenta que a decisión tomada, despois de consensualo a nivel local, responde a que non observou neste ano e medio de mandato cambio algún con respecto ó goberno anterior.
E é máis, segundo el, séguense a cometer os mesmos erros, sen preocuparse o suficiente polo día a dia dos veciños.
Presentada xa a súa renuncia oficial no Concello, pasará agora a oposición, onde agarda poder expresarse sen medo e sen coaccións e defender de verdade as necesidades dos veciños.
Dende o goberno din respectar a decisión.
Con todo, o rexedor sinalou que non está de acordo coas razóns esgrimidas por Caamaño para explicar a súa marcha.
Á espera de realizar unha reestruturación do goberno, un trámite que se levará a cabo nas vindeiras semanas, o propio alcalde anunciou que asumirá temporalmente as competencias do concelleiro socialista.
O goberno outense queda agora en minoría, conformado por seis concelleiros, os 4 de Compromiso e 2 do BNG; e 7 na oposición, con 6 edís do PP e 1 do Partido Socialista.










