Ana Pontón pídelle á Xunta que habilite un fondo extraordinario de axudas para o marisqueo

RIANXO> A pé de praia, en Tanxil, unha das concesións máis afectadas na confraría de Rianxo pola alta mortaldade do bivalvo, a voceira nacional do BNG Ana Pontón, mantivo un encontro cunha representación de mariscadores e mariscadoras deste pósito.

No encontro tamén tomou parte o propio patrón maior, Miguel Ángel Iglesias, que se referiu á situación dramática que atravesa o sector.

Ademais de recoller de primeira man as principais demandas dos mariscadores, Ana Pontón, aproveitou a xuntanza para trasladarlles tamén a eles cales serán as propostas que os nacionalistas lle trasladarán á Xunta para tratar de frear esta catástrofe.

Segundo ela unha das primeiras medidas será pedir que se habilite un fondo extraordinario de axudas para o marisqueo.

Tamén aposta por levar a cabo un estudo científico que determine as causas da baixa produtividade que se está a experimentar nas rías nos últimos anos.

A nacionalista tamén defendeu en Rianxo a necesidade de que a Xunta poña en marcha dunha vez un plan de baleirado e limpeza dos encoros para evitar que desauguen en baixa mar sen ter en conta o dano que estas acción poden causar ó sector pesqueiro e marisqueiro.