BARBANZA> A noite electoral deixou novidades na comarca do Barbanza. Tan só Boiro ten claro o seu futuro goberno coa maioría absoluta do PSOE. Pola contra, en Ribeira e na Pobra ábrese un panorama máis incerto coa necesidade de pactos ou apoios puntuais para definir as cores dos futuros executivos.
Os boirenses respaldaron a xestión do actual alcalde, Xosé Ramón Romero, quen poderá gobernar cunha cómoda maioría absoluta sen necesidade de pactos como na anterior lexislatura. OS socialistas case duplican o número de escanos pasando a de cinco a nove e converténdose na forza máis votada por riba dos populares de Fernando García Diéguez que caen de 7 a 5 edís.
O BNG e Boiro Novo matéñense con dous e un concelleiros respectivamente mentres que ICBoiro desaparece da corporación.
Na Pobra, o Partido Popular medra ata os seis concelleiros. Malia que se sitúa como primeira forza, non conta coa maioría para gobernar polo que a chave podería estar en Veciños Independentes da Pobra que entra na corporación cun só representante.
Tampouco lle saen as contas ó actual tripartito, encabezado por Nós Pobra que sufre unha forte baixada de cinco e tres concelleiros. BNG e PSOE manteñen a súa representación con dous e un concelleiros.
Os resultados da pasada noite deixan tamén un escenario aberto en Ribeira. Das 7 formacións que se presentaron tan só 4 obtiveron representación. O PP pasa de 9 a 10 concelleiros, a un da maioría absoluta. O BNG experimenta a maior suba converténdose en segunda forza logrando 5 representantes na corporación, os mesmos do PBBI que perde dous edís. O PSOE alcanza tan só unha acta mentres que VOX, IpdeR e o Partido Galego quedan fora. Con este reparto perfílanse como principais posibilidades un goberno de Manuel Ruíz en minoría ou un pacto entre as tres forzas restantes.