O informe pericial apunta a que o naufraxio do Villa de Pitanxo se debeu a un erro do capitán

PONTEVEDRA> Novidades importantes na investigación sobre o naufraxio do Villa de Pitanxo. O informe realizado polos peritos apunta que o afundimento foi debido a un erro humano do capitán, Juan Padín. As conclusións ás que chegan os expertos tras analizar as probas que recolleron este verán os robots ao baixar ata o pecio corroboran a versión do terceiro sobrevivente da catástrofe, o mariñeiro Samuel Kwesi. A súa narración contradí a defendida por Padín, que está a ser investigado por 21 delitos de homicidio por imprudencia grave.

Un erro humano do capitán, Juan Padín, foi a causa máis probable do naufraxio do Villa de Pitanxo. Así o conclúe o informe pericial entregado ás partes.

O documento desbota a versión defendida por Padín. Non ve posible que o barco sufrira unha parada repentina do motor que o fixera escorar. Apunta que o capitán puxo en grave risco á tripulación e ao barco coa manobra que realizou para liberar o embarre do aparello do fondo mariño e considera un factor contribuínte do accidente a demora coa que deu a orde de abandonar o barco.

Este informe dos peritos baséase no visionado dos centos de vídeos que se gravaron no barco afundido este verán, cando os robots baixaron ata o pecio. Unha operación que se conseguiu despois dunha longa loita das familias que hoxe respiran satisfeitas.

O vindeiro 15 de febreiro cumpriranse dous anos do naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova. Dos 21 mariñeiros falecidos, 12 continúan desaparecidos.

Padín figura como investigado por 21 delitos de homicidio por impudencia grave. A investigación está a ser dirixida dende a Audiencia Nacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí