Fernández Lores enche o Teatro Principal para celebrar os seus 25 anos como alcalde de Pontevedra

PONTEVEDRA> Esta fin de semana culminaron en Pontevedra os actos para celebrar o 25 aniversario de Miguel Anxo Fernández Lores na alcaldía. Foi cunha cita política no Teatro Principal, na que non faltaron moitas das persoas que o acompañaron neste tempo. Tamén asistiu a voceira nacional do BNG, Ana Pontón.

Ante un Teatro Principal cheo, Miguel Anxo Fernández Lores reivindicou os éxitos do xa coñecido como ‘modelo Pontevedra’. Unha aposta que comezou coa súa chegada á alcaldía hai xa 25 anos.

A calidade de vida, as solucións para o ciclo da auga, as zonas de baixas emisións ou a compostaxe son algúns dos fitos sinalados dende a tribuna polo rexedor. Fernández Lores falou de éxitos pero tamén de retos: as etapas máis importantes, dixo, aínda están por percorrer.

Tamén falou de éxitos a voceira nacional do BNG. Ana Pontón demostrou o seu agradecemento e orgullo polo traballo feito por Fernández Lores e os seus equipos neste tempo na cidade. E advertiu: hai Lores para dar e tomar.

Con este acto político, culmina a celebración dos 25 anos da chegada de Fernández Lores á alcaldía pontevedresa. No Teatro estivo arroupado por numerosas persoas da súa confianza e por moitos dos que foron membros do seu equipo nestes anos.