Emotiva homenaxe ás mulleres dos corpos de seguridade polo 8-M

RIBEIRA> Tamén no Barbanza conmemorouse o 8 de marzo con diversas propostas reivindicativas sobre o papel da muller en diversos ámbitos. Un dos actos máis destacados foi a homenaxe ás mulleres das forzas e corpos de seguridade do estado desenvolvida en Ribeira.

Seguindo na mesma liña dos últimos anos de distinguir a un colectivo destacado co gallo do 8-M, o concello de Ribeira decidiu homenaxear ás mulleres das forzas e corpos de seguridade. O salón de plenos acolle este solemne acto ó que asistiron dezaseis mulleres policías, tanto locais como nacionais, e gardas civís. Entre elas, Noelia Pago, inspectora responsable da Oficina de Igualdade en Galicia quen explicou os obxectivos deste órgano.

O acto contou tamén coa participación da subdelegada do goberno na provincia da Coruña, María Rivas quen incidiu no carácter reivindicativo desta data lembrando que aínda queda moito por facer en vista da aínda escasa representación feminina nos corpos de seguridade.

Pola súa banda, o alcalde de Ribeira destacou os últimos pasos dados polo concello en materia de igualdade como a posta en marcha do cuarto plan municipal de igualdade ou o compromiso de adherirse ó sistema Viogen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí