VILAGARCÍA> Comezan as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía. O ambulatorio contará con dous andares e máis de 50 consultas. Cun investimento de máis de 19 millóns de euros, a previsión é que estea rematado dentro de dous anos ou incluso antes. Esta mañá, coincidindo co arranque dos traballos, visitou a parcela da antiga Comandancia o presidente da Xunta, canda os conselleiros de Sanidade e Infraestruturas e o alcalde de Vilagarcía.
Dentro de 24 meses, ou incluso antes, esta imaxe será unha realidade nesta antiga parcela da Comandancia. Aquí erguerase o novo centro de saúde de Vilagarcía. As obras para a súa construción botaron xa a andar, cunha visita do presidente de Xunta, canda os conselleiros de Sanidade e Infraestruturas, o alcalde e concelleiros da corporación municipal. Rueda fala dun magnífico edificio.
O novo centro de saúde terá unha superficie de de 8.000m2, que incluirá unha área de adultos con 17 consultas, 17 de enfermería, sala de toma de mostras, 4 salas de técnicas, 3 polivalentes, 5 de docencia, sala de illamento e consulta de traballador social. Tamén haberá unha área pediátrica con 5 consultas e 5 de enfermería, unha área da muller con 3 consultas e o novo PAC contará con 9 espazos asistenciais. O xerente da área sanitaria reivindicaba tamén a necesidade de contar co persoal preciso.
Na visita, o alcalde asegurou que hoxe é un día importante para Vilagarcía ao culminar con esta obra a vella reivindicación dun novo centro de saúde para a cidade. Puxo en valor tamén o bo entendemento entre adminitracións.
O orzamento total deste proxecto supera os 19 millóns de euros.











