Aprender a coidar a terra e facilitar a inserción laboral: obxectivos de ‘Vivir co rural’, a iniciativa de Boa Vida

PONTEVEDRA> Vivir co Rural é un dos proxectos que ten en marcha a asociación Boa Vida, en Pontevedra. Dende a Horta Comunitaria que ten en Salcedo, o colectivo leva adiante unha experiencia de aprendizaxe para que os seus participantes coñezan como coidar a terra, xestionar de xeito sostible os recursos e traballar en equipo. Como todas as iniciativas de Boa Vida, esta está dirixida a persoas en situación de vulnerabilidade.

Esta horta comunitaria de Salcedo, en Pontevedra, acolle un dos proxectos estrela da asociación Boa Vida. Trátase da iniciativa Vivir co Rural, unha experiencia de aprendizaxe práctico que permite ás persoas participantes adquirir habilidades no coidado da terra, na xestión sostible dos recursos e no traballo en equipo.

Como todas as accións deste colectivo, esta está dirixida a persoas en situación de vulnerabilidade. O obxectivo é facilitar a súa inserción sociolaboral, ao tempo que se fomenta a cooperación e o apoio comunitario.

Aquí os usuarios atopan un refuxio, cultivando hortalizas das diferentes épocas do ano, froitas e mesmo plantas aromáticas. Para participar, os interesados teñen que dirixirse á asociación.

Este proxecto Vivir co Rural é un dos máis relevantes que ten en marcha a asociación Boa Vida. Que tamén destaca a iniciativa ‘Fogares Creativos’, un proxecto piloto que busca respostas á crise residencial actual e á soidade non desexada.

Cursos de poda, obradoiros de dixitalización, arte comunitaria para o envellecemento activo, formación en reciclaxe téxtil e en punto de venda ou mesmo un coro musical intercultural, son algunhas das accións que Boa Vida desenvolverá ao longo deste 2025. Todas son gratuítas e financiadas pola Xunta de Galicia. Os interesados poden inscribirse contactando coa propia asociación.