Ringleiras interminables para facer unha PCR sen cita antes da Noiteboa

PONTEVEDRA> A 24 horas da Noiteboa, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistra 2.840 casos activos. A cifra leva semanas medrando e a sexta vaga preocupa, e moito, a pé de rúa. Moitos son os que queren afrontar estas festas con garantías. Algo que se nota na afluenza que rexistra cada xornada o punto habilitado pola área sanitaria para facer PCR sen citas no lateral do Hospital Provincial. Xa superan as mil diarias. Outro dato: unha de cada dez é positiva.

Empezamos aquí, ás portas do punto PCR no lateral do Hospital Provincial. Seguimos por Loureiro Crespo, Cobián Areal… A ringleira continúa por Joaquín Costa ata a rúa Antón fraguas. Os sanitarios comezan a facer os tests ás 10 da mañá… e ás 10 e media a fila xa da a volta ao centro hospitalario.

Unha, dúas, tres… e así ata máis dun milleiro de veces o personal repite este xesto. Mañá é Noiteboa e ninguén quere quedar sen PCR por prevención.

Outros chegan porque un contacto cun positivo fíxolles saltar as alarmas.

A ampliación do horario de probas mañá e tarde e a proximidade das festas multiplicou o número de persoas que se pasan por aquí. E a máis probas, máis positivos. Segundo os últimos datos, un de cada dez tests detecta novas infeccións.

Onte a agarda foi de ata 6 horas. Se se achegan, que sexa armados de paciencia. Pero non perdan a esperanza.

Ao final a ringleira móvese.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí