CAMBADOS> Xa queda menos para unha das celebracións máis agardadas. A Festa do Albariño de Cambados será do 29 de xullo ao 2 de agosto. A cita cumprirá neste 2026 74 anos con todos os seus ingredientes: casetas das adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas na Calzada, concertos en Fefiñáns e noutros puntos do municipio, cata-concurso, túnel do viño e o tradicional Xantar. Este ano as obras do Pazo Torrado obrigarán a celebralo na Sociedade Cultural. Hoxe tamén coñecimos o nome do pregoeiro. Será o actor cambadés Flako Estévez.
O 29 de xullo Cambados renderase á súa Festa do Albariño. Unha cita que na súa 74 edición xa ten pregoeiro. O actor cambadés Flako Estévez será o encargado de dar o tiro de saída.
Así ata o 2 de agosto a vila estará de festa. O epicentro será o Paseo da Calzada. Aquí instalaranse as 42 casetas nas que se poderán beber os viños das adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. Estarán abertas dende o mediodía ata as 3 da madrugada.
O Salón José Peña repetirá como escenario do Túnel do Viño. A actividade cumpre xa 15 anos, ofrecendo unha alternativa para catar as elaboracións da DO nun ambiente máis tranquilo.
A terceira pata vitivinícola da festa é a Cata-Concurso. Na súa vixésimo oitava edición contará con 61 adegas participantes. 23 expertos encargaranse de avaliar os seus viños na procura de escoller os tres mellores. Os gañadores daranse a coñecer tralo Xantar oficial do domingo.
A festa complétase cunha ampla oferta musical. Os grandes concertos de Fefiñáns, encabezados pola proposta de música urbana de Luar la L e ROA o venres 31, as orquestras e as sesións de djs en diferentes puntos da vila porán a banda sonora.
Para garantir que o Albariño transcorre sen sobresaltos, Consello Regulador e concello reforzarán os efectivos das forzas e corpos de seguridade do Estado coa contratación de seguridade privada. Tamén se incrementarán o servizo de limpeza e o sanitario, coa contratación de ambulancias e mesmo unha ambulancia medicalizada para as noites de venres e sábado.











