Malestar en Palmeira ante a reordenación provisional do porto

    RIBEIRA> Polémica en Palmeira trala colocación de bancos e bolardos na zona portuaria. Usuarios do porto, veciños e o propio concello de Ribeira amosaron o seu desacordo con esta actuación. Portos de Galicia aclarou que se trata dunha solución provisional á espera da licitación do proxecto de remodelación integral do porto.

    Semella que a actuación provisional proposta por Portos de Galicia para delimitar os espazos no porto de Palmeira supuxo máis un problema que unha solución. Tanto os usuarios do porto como os veciños da parroquia amosaron o seu rexeitamento á instalación destes bancos e bolardos polo que a propia presidenta de Portos de Galicia desprazouse ata a localidade para comprobar o resultado dos traballos.

    Trala visita, Susana Lenguas comprometeuse a introducir modificacións e ter en conta a proposta que formulará o concello para a zona que xa amosou a súa intención de pedir a retirada de tódolos elementos.

    O alcalde quixo aclarar tamén que o concello non era coñecedor da realización destas obras que son competencia exclusiva de Portos de Galicia. Manuel Ruíz explicou que o convenio asinado recentemente entre as dúas administracións referíase ó mantemento da área portuaria para acometer remodelación integral que suporá un investimento de máis dun millón de euros.

     

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí