PONTEVEDRA> A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu esta mañá a reunión anunciada para analizar e coordinar o plan de tráfico que se porá en marcha con motivo da reanudación das obras do nó de bombeiros. Para Abel Losada, o encontro serviu para engraxar a colaboración entre as partes implicadas, entre elas os concellos de Poio e Pontevedra. Pero ao seu remate, o alcalde capitalino Miguel Anxo Fernández Lores cuestionou a planificación das obras. Dixo que saíu do encontro máis preocupado do que entrara.
Despois de máis dun ano paradas, hoxe volvía verse movemento nas obras do nó de bombeiros. Como anunciara o subdelegado do Goberno en Pontevedra, esta mañá volvían as máquinas ao terreo. Ademais, a Subdelegación acolleu unha reunión cos concellos de Pontevedra e Poio para analizar e coordinar o plan de tráfico que se porá en marcha.
Tamén se abordaron os dous principais cambios que inclúe este novo proxecto. Así, executarase unha micropilotaxe para estabilizar a saída da ponte das Correntes cara a autoestrada e construirase unha rotonda para mellorar a conexión coa PO-531, a estrada de Vilagarcía. A intención é que os traballos rematen na primeira metade do 2028.
Para o alcalde de Pontevedra, a información que se achegou durante este encontro foi insuficiente.
Fernández Lores ve falta de concreción nas modificacións técnicas pendentes e nas previsións de execución. Preocúpalle especialmente as afectacións que as obras terán na ponte das Correntes que, segundo lle trasladaron na reunión, poderían comezar a finais de novembro.
Na reunión participou tamén o alcalde de Poio. Ángel Moldes agradeceu a convocatoria da reunión e insistiu na necesidade de actuar con prudencia, cautela e responsabilidade, dado o impacto que os traballos terán nun dos principais puntos de conexión entre Poio, Pontevedra e a autoestrada. Preocúpalle especialmente que as modificacións de tráfico poidan provocar retencións nos accesos, polo que pediu analizar paso a paso a evolución dos traballos.











