O colexio de Vilaxoán rebélase contra o reparto ‘propagandístico’ da Xunta de test de saliva

VILAGARCÍA> A Xunta reparte 55.000 test de saliva entre tódolos colexios de Galicia. O goberno galego está enviando a cada centro unha cantidade equivalente ao total do seu alumnado. Unha medida que non gusta en colexios como o de Vilaxoán, a onde chegaron menos de 40 test. Cren que se trata dunha medida contraditoria e propagandística, polo que tomaron a decisión de que non os van repartir entre o alumnado.

Os test de saliva que enviou a Xunta ao colexio de Vilaxoán están gardados neste armario e aí van quedar. A dirección do centro decidiu non repartilos entre o alumnado, por considerar que se trata dunha medida propagandística.

Porque, segundo explica, a Xunta manda o equivalente ao 25% do total do alumnado. No caso deste colexio, enviaron menos de 40 para repartir entre case 160 alumnos. Di a directora, non sabería a quen darllos, tendo en conta ademais que o protocolo de contactos estreitos vén de mudar. Entende que un cuestión tan seria non se pode resolver cun sorteo.

Os test de saliva que reparte a Xunta son de balde e voluntarios. A quen lle toque, podería facelo ou non na súa casa. A directora indica que no caso de ter un test para cada neno, estaría disposta a repartilos.  Pero, advirte, eles son mestres e mestras, non persoal sanitario.

Nestes momentos no colexio de Vilaxoán contabilízanse 6 casos positivos entre a rapazada, repartidos en distintas aulas. Como agora, o alumnado próximo non se considera contacto estreito, a actividade lectiva estase a desenvolver con total normalidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí